Artigo 1º.-Obxecto e principios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor dos gandeiros afectados polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensalos polos danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2011.


2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos básicos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 2º.-Beneficiarios.
1. Poderanse acoller a estas axudas os propietarios de gando, especificado no anexo I, afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 10º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou os propietarios de gando vacún leiteiro que teñan nas últimas 3 convocatorias de axudas un número de animais mortos superior a 5, por entender que non se acordaron medidas preventivas.
Artigo 3º.-Requisitos.
O gando deberá pertencer a unha explotación incluída no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable para o efecto, agás no caso do gando cabalar que soamente deberá estar identificado individualmente, e no caso do gando porcino que, ademais de pertencer á raza celta, terá que ter cumpridos os requisitos sanitarios establecidos nos reais decretos 1186/2006, do 13 de outubro, e 360/2009, do 23 de marzo, e no caso de reprodutores estar identificados individualmente e estar inscritos no Libro xenealóxico da raza.
Artigo 4º.-Ámbito temporal.
As axudas a que se refire esta orde comprenden os danos producidos polo lobo desde o 1 de outubro de 2010 ata o 30 de setembro de 2011.
Artigo 5º.-Comunicación do dano.
1. Nas vinte e catro horas seguintes ao ataque os propietarios das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería do Medio Rural mediante unha chamada desde as 8.00 ás 20.00 horas de luns a venres, e das 8.00 ás 17.30 minutos os sábados, ao teléfono 012, a través do que se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente. Os animais mortos non poderán ser manipulados para non obstaculizar o labor investigador dos axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta.
Os feridos poderán ser atendidos polos veterinarios coa menor manipulación posible co obxecto de non entorpecer o labor investigador.
2. Dado que a cobertura dos danos amparados por esta orde só é ata o 30 de setembro do 2011, os danos producidos desde o 1 de outubro ata a entrada en vigor da orde do próximo ano, no caso de habela, terán que axustarse ao procedemento establecido nos parágrafos anteriores deste artigo.


VER TEXTO COMPLETO: PINCHAR AQUÍ
Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable aos terreos cinexéticos para:
Modalidade A: recuperación das poboacións de perdiz rubia (Alectoris rufa) a través da mellora da calidade do seu hábitat.
Modalidade B: conservación e recuperación do coello de monte (Oryctolagus cuniculus), mediante a construción das instalacións necesarias para a súa cría en semiliberdade e a súa reintrodución no medio natural.
2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
Artigo 2º.-Destino das axudas.
1. Son actuacións subvencionables destas axudas:
a) Para a modalidade A:
Financiamento dos investimentos para a roza e trituración mecánica do mato, a emenda e/ou fertilización, sementeira de cereal e/ou leguminosa, e para a limpeza e adecuación de fontes e mananciais.
b) Para a modalidade B:
Construción das instalacións necesarias para a cría do coello de monte en semiliberdade e construción de tobeiras artificiais por aqueles beneficiarios que teñan realizadas as instalacións anteriormente mencionadas.
2. En ningún caso se subvencionarán actuacións realizadas con anterioridade á publicación desta orde.
Artigo 3º.-Beneficiarios.
1. Poderán acollerse a estas axudas tanto os titulares de tecores galegos como as agrupacións destes que, aínda carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso os terreos cinexéticos deberán ser lindeiros e estaren situados nunha mesma provincia. Para cada Tecor, só será admisible unha única solicitude.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10º.2 e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 4º.-Contía dos investimentos e das axudas.
1. Establécense as seguintes contías subvencionables para cada unha das actuacións que se realicen:
Modalidade A:
a) Roza e trituración mecánica: 360 euros por hectárea.
b) Arada, emenda e/ou fertilización, sementeira: 600 euros por hectárea.
c) Limpeza e adecuación de fontes e mananciais: 50 euros/unidade.
Modalidade B:
a) Instalacións de cría: ata un máximo de 18.000 euros por beneficiario.
b) Construción de tobeiras: ata 6.000 euros por beneficiario cun límite de 1.500 euros por tobeira.
2. A porcentaxe da axuda poderá chegar ata o 50% do custo dos investimentos na modalidade A, fixándose un máximo de 18.000 euros por solicitude. Na modalidade B, a porcentaxe de axuda poderá chegar ata o 100%.
3. O IVE non será subvencionable, tampouco todos aqueles gastos que figuran no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.
4. Para os efectos do disposto no artigo 27º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achega valor engadido ao contido dela.
5. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.
6. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.


VER TEXTO COMPLETO: PINCHA AQUÍ

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe 18 de xuño de 2010 unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas en materia de conservación dos recursos naturais e o fomento de accións para a poboación local para o desenvolvemento sustentable dos espazos declarados como parques naturais na nosa Comunidade Autónoma. Ademais, procédese a convocatoria destas axudas para os anos 2010 e 2011.
Poderán ser beneficiarios os propietarios de terreos situados nalgunha das parroquias total ou parcialmente incluídas nun parque natural. Tamén os titulares de explotacións agrarias ou gandeiras que estean dentro dun espazo protexido; as comunidades de montes veciñais do parque; as empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúa o espazo protexido ou os concellos que teñan toda ou parte da súa superficie dentro do parque.
Entre as actividades subvencionables atópanse a mellora da paisaxe agraria; a limpeza e restauración de camiños; a sinalización; a creación e mellora de infraestruturas de uso público e de acollida ao visitantes; a preservación de hábitats e vexetación de ribeira; a conservación das poboacións de especies protexidas; a loita contra a erosión ou as accións e actividades de educación ambiental.
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta Orde no DOG.
Financiamento
As axudas reguladas nesta Orde financiaranse con cargos a fondos propios da Xunta e tamén con cargo ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013, cun cofinanciamento do fondo Feader. A dotación inicial para as anualidades de 2010 e 2011 é de 630.000 euros para cada un dos exercicios orzamentarios. Estas cantidades poderán incrementarse en función das dispoñibilidades.
(VER TEXTO DA ORDE)
FONTE: NOVAS DA XUNTA

 Consellería de Medio Rural reduciu os tempos de resolución e pago dos expedientes derivados de ataque de lobos ao gando na provincia lucense. Así o confirman os técnicos da Delegación Territorial, que destacan o traballo realizado pola comisión do lobo durante o último ano, reuníndose en ocasións ata dúas veces ao mes para pór ao día os procedementos.
A asiduidade das xuntanzas permitiu acurtar os tempos entre a incoación do expediente e a súa elevación á comisión para a pertinente valoración, que agora é practicamente inmediato cando antes acumulaba retrasos de ata dous meses.
Actualmente o período total de tramitación, dende que a Xunta ten coñecemento do ataque ata que se resolve o expediente, é dunha media de tres meses. O expediente incóase a instancias do propio afectado e previa inspección por parte dos técnicos autorizados.
Posteriormente é avaliado pola comisión do lobo, da que forman parte técnicos de Medio Rural e representantes de asociacións agrarias, entre outros. Finalmente, o procedemento é remitido aos servizos centrais da consellería para que proceda a formalizar os pagos.
Liña específica
A Xunta mantén aberta unha liña específica de axudas a favor dos gandeiros afectados polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensalos polos danos ocasionados no seu gando. A convocatoria destas axudas para 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 9 de decembro de 2009 e comprende os danos producidos polo lobo desde o 1 de outubro do pasado ano ata o 30 de setembro deste 2010.
Destas axudas poden beneficiarse tódolos gandeiros galegos afectados, pero se establecen unhas áreas específicas (chamadas zonas 1) nas que estatisticamente se rexistra un maior censo de lobos e máis casos de ataques, e nas que estas axudas poden incrementarse ata un 30%. Así mesmo, con carácter anual a Consellería do Medio Rural publica tamén unha orde de axudas para a prevención de ataques de lobo ao gando. 
FONTE: NOVAS DA XUNTA
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, 19 de abril de 2010, unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabarín e se convocan para o ano 2010.

O obxectivo desta orde é establecer as bases dunha liña de axudas de carácter compensatorio a favor dos afectados polos danos causados por este animal nos seus cultivos agrícolas. Os beneficiarios serán todos aqueles agricultores profesionais, entendendo como aquela persoa física titular dunha explotación agraria, gandeira ou forestal, e as sociedades agrarias de transformación (SAT) e cooperativas de explotación comunitarias de terras.

Orzamento
O orzamento previsto para esta liña de axudas ascende a 250.000 euros, dotación que poderá ser incrementada en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades presupostarias. En canto ao importe das axudas, calcularase segundo a valoración dos cultivos danados, establecendo como importe máximo, por ano e beneficiario, a contía de 1.500 euros.

Estas axudas son incompatibles coas que se soliciten polos mesmos feitos en parques naturais dependentes da Administración autonómica; así como coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Prazos
As axudas comprenden os danos producidos polo xabarín nos cultivos agrícolas dende o 1 de outubro de 2009 ata o 30 de setembro de 2010. O prazo para formalizar as solicitudes remata o 15 de outubro de 2010.

Os titulares destes cultivos deberán comunicar os incidentes á Consellería do Medio Rural nun prazo máximo de sete días dende a produción do dano. Os afectados poderán facelo a través do teléfono do 012 ou mediante o servizo de denuncia por Internet en https://www.xunta.es:444/caza/. (VER D.O.G.)

FONTE: NOVAS DA XUNTA